Monstruos domésticos, by Daniel Lobo

A terapia de xogo dinámica

Co gallo do Congreso Internacional de Terapia de Xogo, celebrado en Compostela, tivemos a oportunidade de achegarnos ao traballo de Dennis McCarthy. No seu relatorio Converterse na treboada: uso da enerxía e a imaxinería dos síntomas na terapia de xogo para axudar aos nenos a sanar, Dennis expuxo os fundamentos da terapia de xogo dinámica, resumindo as principais claves do seu traballo con nenos ao longo de corenta anos.

A esencia deste enfoque, centrado no corpo e guiado pola imaxinación, é o denominado xogo paradoxal que permite ao neno acceder á resolución das súas dificultades utilizando a propia linguaxe do seu síntoma no contexto da relación terapéutica. Seguindo a proposta de Winnicott de aceptar o paradoxo en lugar de tentar resolvelo, o terapeuta, consciente de que o síntoma é unha expresión do desexo de recibir axuda, convértese nunha testemuña que acompaña e provoca ao neno para que debuxe, modele, baile ou exprese corporalmente aquilo que lle asusta. Deste xeito, converténdose na treboada, pode atopar no propio síntoma algo que lle axude a superalo. O que se busca é atopar a forza vital que se manifesta no neno como medio de axudalo a integrar as partes segregadas, disoltas, ocultas, acaladas ou non reveladas de si mesmo.

Na sala de terapia o neno convértese ao mesmo tempo en experimentador e observador dunha experiencia única de xogo, na que se permite representar as súas expectativas vitais a través dun proceso de expansión e contracción. Debuxar, modelar ou recrear ao mostruo é unha proposta terapéutica de expresión onde os monstros do neno, como esaxeración dos impulsos propios, convértense metaforicamente en portais e chaves para o cambio. Son un modo de reafirmación e por tanto, axúdanlle a rectificar a súa situación vital (fronte aos apenas aterradores monstros comerciais).

Deste labor terapéutico cos monstros deriva tamén a súa singular e reveladora perspectiva mitolóxica. A partir da observación dos debuxos dos nenos, Dennis descobre que os seus primeiros monstros son xeralmente unha representación do cíclope, e comeza así a súa investigación sobre os mitos.

McCarthy falou tamén sobre o uso da caixa de area profunda, tan chea de posibilidades como a cova de Alí Babá; dos desastres naturais como expresión de curación, ou dos materiais máis axeitados para traballar a agresividade e o xogo catártico. E como non, da relación entre o movemento e a emoción. Discípulo de Alexander Lowen e coñecedor do traballo de Janet Adler, Dennis McCarthy sabe ben que o movemento sen límites axuda aos nenos a atopar o seu centro. Por iso lémbranos que o noso labor como terapeutas é clave para axudarlles a reactivarse, a expresarse con autenticidade e a explorar libremente as súas propias capacidades para facelo.

 

Foto: Daniel Lobo, Monstruos domésticos, (Public domain)